Blogia
AMARAL, RECURSOS

SOBRE OS DEREITOS HUMANOS

SOBRE OS DEREITOS HUMANOS

   A Declaración Universal dos Dereitos Humanos de 1948, recolle o sentir e os logros dun proceso secular de declaracións de dereitos.

   As declaracións de dereitos e a consideración dos mesmos nas constitucións liberais teñen por finalidade a protección do individuo fronte ós poderes públicos. Trátase de garantir unha esfera privada na que o poder público estatal non se entremeta.

   Para impedir que o Estado, coa súa forza, poida invadir a esfera privada dos individuos, o liberalismo utilizará, entre outros mecanismos, a proclamación dos dereitos e liberdades persoais dándolles a categoría de "naturais", é dicir, propios da natureza humana e, polo tanto, previos e superiores ó Estado. A este non lle queda outro remedio que aceptalos e respetalos.

   Para o recoñecemento dos dereitos cívico-políticos, salvo as excepcións xa sinaladas, será preciso esperar ata principios do século XX, cando a crise do Estado liberal será máis aguda.

   Entre os dereitos cívico-políticos ou democráticos, hai que mencionar os dereitos de reunión, manifestación, asociación, sindicación... o dereito ó voto, a iniciativa popular, o dereito de pedimento, etc.

   O novo Estado social e asistencial non se limita a matizar as liberdades económicas, senón que consagra novos dereitos. Entre eles o dereito á educación, o dereito a unha xusta remuneración polo traballo, a unha vivenda digna, a unha seguridade social, a un descanso semanal, a unhas vacacións, a unhas condicións de traballo humanas, etc. O recoñecemento destes novos dereitos xustifica a calificación do actual Estado demo-liberal como Estado social de dereito.

   Trala 2º Guerra Mundial, as novas Constitucións recollen e explicitan, se cadra aínda máis, os dereitos devanditos.

A Declaración Univesal dos Dereitos Humanos.

10 de decembro de 1948

   O carácter de universalidade é quizais o máis orixinal e salientable desta solemne Declaración: a consideración dunha familia humana con dereitos iguais e inalienables que han fundamentar a liberdade, a xustiza e a paz no mundo. O descoñecemento e o menosprezo dos Dereitos do Home é o que levou "a feitos de barbarie que sublevan a conciencia da humanidade". Estima esencial que os Dereitos do Home sexan protexidos por un réxime de dereitos; en caso contrario o ser humano non terá máis remedio que "rebelarse contra a tiranía da opresión.

   A universalidade volve a aparecer cando se afirma "que é esencial o desenvolvemento de relacións amistosas entre as nacións" e que debe asegurarse o recoñecemento e aplicación destes dereitos universais con "medidas progresivas de orde nacional e internacional".

   No seu articulado, a Declaración de 1948 recolle o abano de dereitos da persoa individual, os dereitos cívico-políticos e mailos económicos-sociais que foran aparecendo en anteriores Declaracións e Constitucións. Penso que abonda co dito anteriormente. Somentes unha referencia ó dereito á educación; esta "debe favorecer a comprensión, a tolerancia e a amistade entre tódalas nacións e tódolos grupos raciais e relixiosos", destacando, unha vez máis, o carácter universal.

   Dous anos despois, en 1950, os Gobernos membros do Consello de Europa, asinaban a Convención Europea para a Salvagarda dos Dereitos Humanos e das Liberdades Fundamentais; alúdese a unha serie de medidas que aseguren "a garantía colectiva de certos dereitos enunciados na Declaración Universal".

0 comentarios